Hugo Costa (Burela, 1991) é un estudante galego afincado, por motivos puramente estudantís, en Segovia. Dende 2009 está matriculado na Universidad de Valladolid, Campus de Segovia, onde cursa a licenciatura en Publicidade e Relacións Públicas con relativo éxito.
Historicamente falando, sempre lle foi coñecida a súa predisposición a expresar os seus sentimentos escribindo en bitácoras na rede. A súa andaina comezou na primeira metade da década dos 2000, co célebre blog ‘Fundazión Heu’. Logo deste viñeron outros, con desigual éxito.
Actualmente sérvese de Twitter para expresarse de forma cotiá, mentres que reserva Tumblr para publicar, normalmente, imaxes ou vídeos que considera chamativos. Ademais, tamén fai uso de Blogger, onde mantén un blog no que conta as súas aventuras e desventuras segovianas, aínda que na actualidade caeu en desuso.